Volven os Days of Play con xogos e descontos

martes, 27 de maio do 2025 Marcus Fernández

A edición 2025 de Days of Play arrinca oficialmente o mércores 28 de maio e prolongarase ata o 11 de xuño ás 23:59, campaña global que pretende homenaxear a comunidade de xogadores de PlayStation cunha intensa quincena de novidades e descontos para os subscritores de PlayStation Plus e o público en xeral.
Entre as principais atraccións destacan os xogos mensuais de xuño incluídos en PlayStation Plus, dispoñibles desde o 28 de maio: NBA 2K25, Alone in the Dark, Bomb Rush Cyberfunk e Destiny 2: La Forma Final. Ademais, haberá novas incorporacións tanto ao catálogo de xogos como ao de clásicos, con títulos como Another Crab’s Treasure, Skull and Bones, Grand Theft Auto III, Myst e Riven. Os subscritores do plan Premium/Deluxe tamén poderán acceder desde o primeiro día a probas de xogos como Kingdom Come: Deliverance II e Civilization 7.
A PlayStation Store, pola súa banda, acollerá centos de ofertas en xogos e complementos dixitais durante todo o período, con títulos como Call of Duty: Black Ops 6 – Cross-Gen Bundle cun 45 % de desconto, WWE 2K25 Standard Edition cun 30 % de desconto, Astro Bot cun 15 % de desconto, Cyberpunk 2077 cun 50 % de desconto, EA Sports FC 25 cun 80 % de desconto, The Last of Us Part II Remastered cun 20 % de desconto ou Red Dead Redemption 2 cun 75 % de desconto.
Para máis detalles, os usuarios poden visitar o sitio web oficial de Days of Play 2025, onde se actualizarán as promocións e actividades diariamente ata o 11 de xuño, destacando o feito de que as consolas PlayStation 5 teñen un desconto de 100 euros, o que resulta rechamante xa que así terán un prezo inferior ao da nova consola Nintendo Switch 2, ou sexa, que será a primeira vez na historia na que unha consola de Nintendo chegue ao mercado a un prezo superior ao das consolas da competencia.