Vox Media vende Polygon a Valnet

venres, 2 de maio do 2025 Marcus Fernández

No ano 2011, parte do persoal do medio tecnolóxico Engadget emprenderon un novo medio, The Verge, que consolidouse como un dos grandes referentes do sector a nivel internacional e, dentro desa proposta lanzaron en 2012 a publicación dixital sobre videoxogos Polygon.
Aínda que Polygon conseguiu tamén xogar un rol relevante informando sobre o mundo dos videoxogos (supera os 6 millóns de usuarios mensuais nos EE.UU. segundo Comscore), semella que a actual crise do sector tivo un impacto profundo na publicación, levando a que Vox Media decidise vender Polygon a Valnet, a compañía que xa posúe publicacións como Game Rant, TheGamer, Fextralife, OpenCritice, DualShockers e HardcoreGamer.
Varios dos traballadores de Polygon están a anunciar a través das redes sociais que xa non traballan na publicación, asegurando que a compañía está a prescindir de máis de 20 traballadores, polo que podemos intuír que realmente o que fixeron foi adquirir a marca e a súa presenza en liña, e non o talento que a fixo chegar a onde está. Dende Valnet incluso terían pouco interese polo bo facer de Polygon, e parece probable que a publicación de videoxogos vaia degradarse seriamente para seguir a liña do resto de medios de Valnet (considerados de moi baixa calidade, tanto a nivel de contido como de condicións laborais para os seus traballadores).