WhatsApp Web inclúe un atallo para iniciar Salas de Messenger

mércores, 3 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Dende Facebook non queren deixar que Zoom monopolice as videoconferencias grupais, e tras levar as súas Salas de Messenger a Facebook, Messenger e Instagram, están a introducilas en WhatsApp por partida dobre, de xeito que o botón coa icona dun clip que podemos empregar para incorporar contidos ás conversas ten agora unha nova opción coa icona dunha cámara que responde ao nome de Sala e que non é máis que un atallo para acceder ás Salas de Messenger.

Cando dicimos que esta funcionalidade chega por partida dobre referímonos ao feito de que WhatsApp non só permite acceder a unha Sala de Messenger dende a súa aplicación móbil como unha opción para máis de 8 usuarios simultáneos da videoconferencia nativa de WhatsApp, senón que tamén está dispoñible a través de WhatsApp Web, ou sexa, que por fin temos un xeito de iniciar unha conferencia cos nosos contactos de WhatsApp dende un equipo informático, aínda que sexa a través dun servizo que poderiamos considerar externo (aínda que sexa da mesma compañía).

As Salas de Messenger están accesible tanto para usuarios de Facebook ou Messenger como para usuarios sen conta na plataforma de Zuckerberg, de aí que teña bastante sentido a súa integración en WhatsApp, servizo de mensaxería moi popular en certos territorios nos que Facebook non ten unha implantación tan masiva como acontece, por exemplo, nos EE.UU.

PUBLICIDADE