Wireless Galicia crea unha plataforma para pór en valor o patrimonio industrial europeo

mércores, 27 de setembro do 2017 Redacción

A empresa Wireless Galicia, con sede en Vigo, desenvolveu unha innovadora plataforma na nube directamente encamiñada a promover e poñer en valor o rico patrimonio industrial europeo, do que a nosa terra (en relación con determinados sectores) tamén é referente. A plataforma, cuxos resultados foron presentados o pasado 21 de setembro na sede do Comité Europeo das Rexións, xa dá acubillo a un conxunto referencial de sitios históricos, museos e empresas tradicionais da rede Industriana. A iniciativa insírese no proxecto europeo Genius Loci, que é o nome que na mitoloxía romana se lle daba aos espíritos protectores do fogar. O proxecto ten a súa orixe en xuño de 2016, con financiamento do programa europeo COSME.
O obxectivo de Genius Loci é “potenciar o turismo relacionado co patrimonio industrial”, co propósito de redescubrir, precisamente, o espírito que perdura en certos territorios esquecidos ou con pouca visibilidade. Polo tanto, a idea é “fomentar a explotación turística deste mercado e con especial énfase no patrimonio industrial das pequenas e medianas empresas”.
O consorcio está formado por socios de Italia, España, Hungría, Malta e Bélxica, este último país representado por E-FAITH, a Federación Europea de Asociacións de Patrimonio Industrial e Técnico, que ofrece toda a súa experiencia e rede ao proxecto. Neste seleccionáronse tres grandes sectores industriais, comúns aos países involucrados na iniciativa, ampliándose a partires de outubro de 2017 a novos sectores coma a industria naval, pesqueiras, salinas, etc. Estes tres grandes sectores son, primeiro, o patrimonio da produción de bebidas alcohólicas (coma cervexa, viño, sidra así como o proceso de destilación de alcohois fortes), segundo, o patrimonio ao redor do tratamento da arxila (ladrillos, azulexos, tellas, pero tamén ladrillos de refracción, cerámica ou tubos de drenaxe) e terceiro, artesanía de téxtil tradicional e todo o relativo ás fibras téxtiles como o esparto ou o liño.
O consorcio, segundo nos contan dende Wireless Galicia, realizou un inventario de sitios históricos, museos, coleccións e empresas tradicionais, pero tamén do patrimonio intanxíbel vencellado a estes espazos e recantos, lugares que en palabras da empresa atesouran “un coñecemento e un saber facer que definen unha tradición a transmitir a xeracións futuras”.
Durante o desenvolvemento do proxecto levouse a cabo unha selección de 120 lugares representativos, aos que se lles facilitou unha placa con código QR, para que os visitantes accederan en tempo real a contidos multimedia, en varios idiomas, que axudan a entender a actividade e a historia de cada sitio, así como dar visibilidade ao resto dos lugares da Rede Industriana. A placa ten ademais como obxectivo facer de selo de calidade indicando que o lugar pode ser visitábel e que se mantén en bo estado.

PUBLICIDADE