Wuchang: Fallen Feathers vai camiño de corrixir os seus problemas de rendemento

luns, 28 de xullo do 2025 Marcus Fernández

O estudio chinés Leenzee vén de publicar un ambicioso plan de actualización e optimización para Wuchang: Fallen Feathers, o seu xogo de rol de acción estilo Souls ambientado na dinastía Ming. A medida chega como resposta directa ás numerosas críticas e problemas detectados desde o lanzamento oficial o pasado 24 de xullo, cando o xogo alcanzou un pico de 131.518 xogadores simultáneos en Steam.
Nun comunicado dirixido á comunidade, o equipo de desenvolvemento recoñeceu os erros e prometeu solucións concretas. «A vosa experiencia e opinións son a base máis valiosa para nós», sinalan, mentres agradecen a paciencia e apoio da base de xogadores.
Entre os puntos máis destacados da folla de ruta están as melloras no rendemento, a revisión do equilibrio de xogo e a compensación para os usuarios que reservaron o título, especialmente os que adquiriron a Deluxe Edition. Estes últimos recibirán, ademais do traxe compensatorio inicial, tres novos conxuntos de vestimenta e catro armas adicionais. Tanto os posuidores da edición estándar coma da deluxe recibirán tamén tres complementos para a cabeza.
No plano técnico, o equipo traballa na resolución de fallos críticos, como erros de rendemento e interrupcións nas misións provocadas por obxectos desaparecidos. Outras melloras xa en marcha inclúen a optimización das taxas de fotogramas, axustes na dificultade de xefes e trampas, melloras na IA dos inimigos e na calidade das texturas en áreas de baixa resolución. O estudio promete continuar escoitando á comunidade mentres avanza nas tarefas de corrección.
Ambientado nas terras devastadas de Shu, Wuchang: Fallen Feathers sitúa o xogador na pel de Bai Wuchang, unha guerreira pirata sen memoria que loita contra unha praga que transforma os humanos en monstros. Con múltiples finais baseados nas decisións do xogador, unha ambientación histórica densa e un sistema de combate dinámico, o título prometía ser unha das grandes apostas do verán. Porén, o seu lanzamento accidentado obrigará a Leenzee a demostrar que é capaz de cumprir coas súas promesas e gañar de novo a confianza dos xogadores.