X/Twitter bloquea as buscas sobre Taylor Swift para frear o porno feito con IA

luns, 29 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A semana pasada saltou a polémica en X/Twitter pola proliferación de imaxes da cantante Taylor Swift xeradas mediante intelixencia artificial con certo ton erótico (tendo moitas unha clara intención humorística), provocando unha grande indignación entre os seareiros da artista e alertando ante os perigos da pornografía xerada mediante IA.
As imaxes pornográficas de celebridades creadas mediante retoque fotográfico son algo moi habitual na Rede dende sempre, pero a IA fai moi doada a xeración de imaxes realistas, e a falta de control en X/Twitter facilita que que as imaxes consigan espallarse con facilidade (unha das imaxes de Swift denunciadas superou os 45 millóns de visualizacións antes de que a borrasen).
Nese momento dende X/Twitter lanzaron un comunicado dicindo que tiñan tolerancia cero ante os espidos non consensuados, aínda que estamos ante unha política case imposible de aplicar, xa que X/Twitter permite a pornografía e o sexo explícito en imaxes e vídeos sempre que non estea visible no avatar da conta, polo que saber cando a pornografía é legal ou non é sumamente complicado.
Cómpre salientar tamén que a fonte das imaxes de Swift eran un grupo de Telegram, plataforma na que o control de contidos tamén destaca pola súa ausencia (incluso ante requirimentos de autoridades policiais e xudiciais de distintos países), polo que estamos ante un problema moi difícil de solucionar, xa que os elementos clave para a distribución masiva non actúan responsablemente.
Ante os problemas de reputación que esta situación estaba a provocar a X/Twitter, en vez de reforzar as medidas de seguridade da plataforma, adoptaron unha solución radical: impedir as buscas relativas a Taylor Switft. Deste xeito non podemos atopar as imaxes que están a provocar o escándalo, aínda que tampouco ningunha outra información sobre Swift, a quen probablemente non lle importe moito o bloqueo, xa que non realizou ningunha publicación en X/Twitter no que vai de ano, deixando claro que non confía na plataforma de Elon Musk.
En calquera caso, o bloqueo aplicado é claramente ineficaz, xa que chega con por o nome de Taylor Swift entre aspas para que as buscas funcionen sen problema e amosen unha cantidade inxente de imaxes xeradas mediante IA.

As buscas en X/Twitter continúan a ser doadas de realizar, demostrando que están lonxe de frear a proliferación das imaxes que provocaron a actual polémica

PUBLICIDADE