Xa circulan pola Rede copias da nova película de Batman

martes, 22 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A estrea a pasada fin de semana da película The Dark Knight (El Caballero Oscuro) nos cines norteamericanos culminou cos mellores resultados de taquilla da historia cunha recadación de 155,3 millóns de dólares (superando a Spider-Man 3) mentres paralelamente advirten de que xa circulan copias piratas da película pola Internet, o que hoxe en día podería ser unha grande ameaza (dado que coa banda larga a difusión das copias podería ser moi rápida) pero a realidade demostra que certas obras a xente as quere visualizar en pantalla grande e non se conforma con copias de baixa calidade feitas con cámara de vídeo que desmerecen o produto.
¿Pasou á historia a copia de películas con cámaras? É evidente que non pero, ¿afecta realmente ao éxito das películas? O tema pode dar lugar a un interesante debate, e Ignacio Escolar no seu blog tamén pon en dúbida que a copia de películas afecte ao seu éxito comercial.
¿Responden entón o éxito ou fracaso da industria cinematográfica unicamente ás producións que presentan cada ano e non a factores externos como a piratería? Moitos exhibidores protestan precisamente polas películas que teñen en cartel, e reclaman á Industria que produza máis éxitos de taquilla en vez de protestar contra as copias na Rede, que parece que non afectan tanto coma se podería pensar.