Xa circulan pola Rede copias do GTA IV, que promete ser o xogo do ano

xoves, 24 de abril do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro martes chega ás tendas españolas o agardadísimo xogo Grand Theft Auto IV, que promete ser o lanzamento máis importante do ano para Xbox 360 e PlayStation 3, e que non chega sen ausencia de polémica pola súa violencia e mesmo polo feito de que xa circulan copias do xogo antes da súa posta á venda.
Nas redes P2P está dispoñible unha copia da versión PAL (a europea) do GTA IV para Xbox 360, de xeito que algúns xogadores impacientes xa estarían a xogar hoxe a este título que se está a promocionar con moita forza en España, onde Microsoft está a investir un 30% máis en publicidade que con Halo 3, o que é un bo indicativo das expectativas deste xogo.


O GTA IV é un bo reclamo para a compra da Xbox 360 dende 199,99 €

Microsoft gastará 2 millóns de euros na promoción do xogo, que parece que será superior na súa versión de Xbox 360, xa que contará con 2 episodios exclusivos descargables dende box Live, que sumado á recente baixada de prezo da consola de Microsoft (que se pode adquirir dende 199,99 euros) fai que a combinación de Xbox 360 + GTA IV resulte demoledora e que mesmo podería contar cunha oferta entre o 29 de abril e o 15 de xuño na que os usuarios que compren os dous produtos conxuntos terían un aforro de 60 euros (promoción aínda sen confirmar).
Sony tamén terá un pack composto pola PlayStation 3 de 40 Gb e o GTA IV por 439,99 euros, o que tamén pode animar a moitos a dar o salto ás consolas de alta definición.
Está claro que o 29 de abril vai ser un día movido nas tendas de videoxogos, onde os afeccionados á saga acudirán a facerse coa entrega que promete máis prestacións, entre as que destaca un amplo abano de modos de xogo en rede.

PUBLICIDADE