Xa é posible instalar unha versión inestable e non oficial de Flash no iPad

xoves, 8 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Pese a que Steve Jobs repetiu ata a saciedade que non quere ver a tecnoloxía Flash de Adobe nos seus terminais móbiles, un grupo de desenvolvedores inconformistas decidiron coller o engadido que incorpora a Flash aos móbiles con Android 2.2 e adaptalo ao iPhone OS 3.2, o que permitiría que as páxinas web con contidos en Flash estean plenamente operativas no iPad (e posteriormente noutros terminais de Apple).
Polo momento esta solución coñecida coma Frash circula pola Rede nunha versión non oficial, e os seus desenvolvedores non recomendan o seu uso, pois aínda presenta moitos fallos, aínda que xa permite botar un ollo as súas posibilidades de xeito que en páxinas como a da CRTVG deixa non só ver os elementos dinámicos en Flash, senón incluso o vídeo promocional (con son) que inclúe na súa portada aínda que na meirande parte das páxinas web a reprodución de vídeo en Flash presenta problemas.
Cómpre advertir que o Frash só está dispoñible en iPads aos que aplicasen jailbreak para poder instalar aplicacións non asinadas por Apple, e é moi posible que en poucos días saia unha versión plenamente operativa de Frash, de xeito que elimínase, pola porta de atrás, unha das principais eivas que presenta o iPad actualmente.


Demostración do funcionamento de Frash no iPad

PUBLICIDADE