Xa podemos xogar a Ninja Gaiden 4

martes, 21 de outubro do 2025 Redacción

Hoxe regresa o lendario hack and slash de acción de Team Ninja, Ninja Gaiden 4, cunha media de 82 puntos en Metacritic para Xbox Series X|S e PC, e de 81 na versión para PlayStation 5, o que supón unha magnífica nova para os amantes do xénero que tende a ser moi irregular. O xogo está dispoñible en Xbox Game Pass e a Microsoft Store, en Steam e na PlayStation Store.
A nova entrega introduce a Yakumo, un mozo prodixio ninja cuxo destino se entrelaza co do mítico Ryu Hayabusa. Con el, a serie renova o seu estilo sen perder a esencia que a converteu nun referente da acción intensa e milimétrica. O sistema de combate clásico regresa máis rápido e espectacular ca nunca, con novas técnicas, transformacións de armas mediante o chamado ninjutsu de vínculo de sangue e os movementos icónicos da saga, como o Salto de Izuna ou a Golondrina voadora.
Ninja Gaiden 4 destaca tamén pola súa colaboración creativa entre Team Ninja e PlatinumGames, que achega un estilo visual refinado e unha experiencia de combate que recompensa tanto a precisión coma a estratexia. O xogo ofrece múltiples niveis de dificultade para veteranos e novos xogadores, e recupera a figura de Ryu Hayabusa cun conxunto de habilidades renovado.
A historia lévanos a un Tokio futurista asolado por unha choiva de miasma e pola resurrección dun antigo inimigo. Entre exércitos de soldados cibernéticos e criaturas sobrenaturais, Yakumo e Hayabusa deberán enfrontarse a unha maldición ancestral que ameaza con destruír a cidade.
Ninja Gaiden 4 promete unha experiencia vertixinosa e visualmente impactante que mestura tradición e modernidade nun novo capítulo dunha das sagas máis respectadas do xénero, e que nos últimos días está a ser moi recordada polo pasamento do responsable da súa modernización, Tomonobu Itagaki.

Tráiler de lanzamento de Ninja Gaiden 4