Xa se coñecen 2 casos de televisores rotos por mor do mando da Wii

martes, 21 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A Nintendo Wii está a ser acollida moi favorablemente polo mercado, pero parece que algúns usuarios comezan a ter problemas cunha das característica da consola: a suposta fraxilidade da correa do mando da consola (o Wiiremote).
Segundo parece, a correa non ten moita forza, e os usuarios moi agresivos poden ver como a Wii lles devolve os golpes rachándose a correa, con repercusións dramáticas. Así, a xente de IGN xa detectou o problema en versións previas da consola (que acabou co mando deixando unha marca nunha parede) pero agora xa apareceron dous casos asociados ó xogo Wii Sports Bowling, que simula unha partida de bolos, e que provocou a rotura das correas do mando no caso dun mozo e no dunha nena de 7 anos, que se viron sorprendidos cando o mando da súa Wii voaba polo salón da súa casa ata espetarse no seu televisor.
Posiblemente a correa da Wii non estea pensada para soportar fortes tiróns, pero hai que recoñecer que realizar movementos bruscos cun mando pode ser tan perigoso cunha Wii como co mando a distancia do televisor, polo que a xente de Nintendo faría ben en advertir ós usuarios da súa nova consola do feito de que as pantallas dos seus televisores non son a proba de mandos a distancia voadores.

PUBLICIDADE