Xa se coñecen os detalles da tenda de vídeos para Xbox 360

martes, 7 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os rumores de que Microsoft podería comezar a comercializar series de televisión e películas en alta definición para a Xbox 360 finalmente se confirmaron, de xeito que a compañía de Bill Gates case é pioneira neste sector, xa que aproveita as características de alta definición para achegar contidos ós fogares antes de que se fagan con unidades ópticas de lectura de alta definición (HD DVD ou Blu-ray) gardando os contidos adquiridos no disco duro na única consola de nova xeración que está no mercado polo momento.
O novo servizo chámase Xbox Live Video, e permite mercar contidos de canles como CBS, MTV, Comedy Central, VH1, Turner e UFC, mentres que as películas que comercializan corresponden a compañías como a Warner Bros ou a Paramount.
Xa se coñecen novos detalles deste revolucionario servizo, como que as películas só se pode mercar e os programas de televisión só se poden alugar, que venden contidos tanto en alta definición coma en definición estándar; que os programas mercados pódense descargar un número indefinido de veces (polo que se poden borrar para facer sitio a máis contidos sen perder a compra); o aluguer dura 24 horas e non limita o número de visionados; os contidos de alta definición serán de 720 liñas en progresivo (fronte ás 480 entrelazadas do formato estándar NTSC) o que podería considerarse a resolución máis realista a día de hoxe e os vídeos en alta definición están en formato VC-1 a 6,8 Mbps e con son envolvente 5.1.

PUBLICIDADE