Xa temos a versión 3.2 de Gnome cen por cen en galego

luns, 3 de outubro do 2011 Redacción

Gnome, o contorno libre de escritorio para sistemas operativos GNU/Linux, está arestora na súa versión 3.2, a primeira dende a publicación da achega 3.0. A nova entrega, que inclúe entre outras cousas elementos que poñen ao usuario en disposición de tirarlle o máximo rendemento ás tecnoloxías e servizos de hoxe (redes sociais, teléfonos intelixentes), xa está dispoñíbel ao cen por cen en galego, segundo nos informa Mancomún facéndose eco do “espectacular” traballo de Fran Diéguez e do equipo de tradución de GNOME ao galego.
Tendo en conta os apuntamentos de publicación de GNOME 3.2, esta nova versión chega cargada de melloras e novidades, entre as que Mancomún salienta as seguintes:
· Xestión de contas en liña. O almacenamento de documentos, contactos, calendarios, ... en liña está facéndose moi popular polo que GNOME 3.2 incorpora o aplicativo Contas en liña que fornece un lugar onde xestionar estes orixes en liña. Estas contas en liña son usadas automaticamente en Documents, Contacts, Empathy, Evolution así como no calendario despregable.
· Xestión de documentos mellorada. GNOME 3.2 consciente da dificultade de xestionar gran cantidade de documentos, prestou especial atención a facer máis doada esta tarefa. Así o aplicativo Documentos enfócase en fornecer unha forma sinxela e efectiva de atopar, organizar e ver documentos. Ademais, grazas á integración con Contas en liña, non é preciso preocuparse por se os documentos están almacenados en local ou en liña.
· Nova xestión integrada de contactos. Contacts é un novo aplicativo enfocado nas persoas. A súa misión é fornecer unha vista xeral das persoas na súa lista de contactos, tanto se os contactos se almacenan en liña, no Evolution ou no aplicativo de conversas Empathy.
· Mensaxería instantánea completamente integrada. Non será preciso abrir una aplicativo para iniciar sesión nos servizos de chat e mensaxería, cambiar de estado, ... todo isto está integrado en GNOME 3.2
· Melloras en accesibilidade. Integrouse un novo teclado en pantalla, mellorouse a visualización superposta do teclado en pantalla. Agora é completamente navegable co teclado e os usuarios do lector de pantalla Orca experimentaran unha presentación moito máis fiable e precisa cando estean navegando, e moitas outras melloras no rendemento e experiencia final cando se empregan tecnoloxías adaptadas. Neste punto é importante destacar tamén a participación da comunidade galega no GNOME Accesibility Team , que celebraron en maio deste ano na Coruña na sede de Igalia, unha Hackfest sobre ATK e AT-SPI, onde traballaran no impulso e desenvolvemento das tecnoloxías que fan que o entorno GNOME sexa accesible.

PUBLICIDADE