Xbox abre o xogo na nube aos plans máis económicos do Game Pass

mércores, 27 de agosto do 2025 Redacción

Microsoft anunciou hoxe novidades no programa Xbox Insider que buscan reforzar a experiencia personalizada de xogo e ampliar as opcións de acceso ao catálogo de títulos. A compañía está a probar actualizacións en Xbox Game Pass que facilitan tanto o xogo en streaming como a chegada de xogos de PC a máis plans de subscrición.
Os subscritores de Xbox Game Pass Core e Standard poden, a partir de agora, probar Xbox Cloud Gaming (Beta) para transmitir e xogar desde calquera dispositivo compatible. Ademais de acceder aos xogos incluídos no servizo, tamén será posible xogar na nube a determinados títulos adquiridos individualmente, unha opción que ata o de agora estaba restrinxida. Esta novidade é moi importante xa que os plans máis básicos teñen un prezo de 6,99 e 12,99 euros/mes respectivamente, mentres que o plan Ultimate que facilitaba ata agora o xogo na nube ten un prezo mensual de 17,99 euros, polo que o aforro nas mensualidades para quen estea interesado en xogar en streaming é notable.
Ao mesmo tempo, Microsoft inicia probas que por primeira vez levan xogos de PC a subscritores de Core e Standard, o que permitirá desfrutar destes títulos tanto nun ordenador como en dispositivos portátiles con Windows.
O proceso para acceder a estas funcións varía segundo o dispositivo. No caso da nube, pódese xogar desde xbox.com/play ou a través da aplicación de Xbox para televisores, sempre que se activen as funcións en fase previa nos axustes da conta. Para a parte de PC, chega mediante a aplicación Xbox para Windows.
A compañía lembra que quen queira adiantarse ás novidades pode unirse ao programa Xbox Insider descargando a aplicación Xbox Insider Hub en consolas Xbox Series X|S, Xbox One ou en PC. Para quen busque unha experiencia máis completa, a subscrición a Game Pass Ultimate continúa ofrecendo acceso a centos de xogos en consola, PC e nube, xogos dispoñibles dende o primeiro día, multixogador en liña e vantaxes adicionais como EA Play ou recompensas en títulos de Riot Games.