XeraciónWeb, a nova publicación dixital galega

xoves, 10 de maio do 2007 Marcus Fernández

Un novo xornal dixital en galego nace hoxe, XeraciónWeb, que cun deseño atractivo e unha vocación participativa pretende facerse un sitio entre os medios dixitais galegos.
A nova publicación está aberta á colaboración mediante a súa sección Esfera Libre, conta cunha sección de opinión que se mestura tamén con blogs e, aparte da sección de novas, tamén serve como canle de publicación de especiais coma o que inaugura a web e que fala sobre a deficiente penetración da banda larga no rural galego.
XeraciónWeb inicia con blogs propios como a bulla de Zapping (no que se discute sobre cousas cotiás como a colocación dos rolos de papel hixiénico), Animais políticos (que trata da política galega), Mundo Beta (un espazo para a tecnoloxía) e Éche o que hai (o blog editorial da nova publicación).
Podemos falar así dun medio que busca aproveitar a capacidade do seu soporte (como demostran elementos coma o gráfico interactivo incrustado no artigo sobre a banda larga no rural) para dar algo máis que os medios tradicionais, así como agardan achegarse ó lector dun xeito especial que chame á súa interacción (para o que é preciso rexistrarse na súa web).
Por último, cabería subliñar que inclúen unha ligazón a un tradutor automático para poder consultar a súa web en español, ou sexa, xusto o contrario doutro medios que contan con contidos en español que se poden traducir automaticamente ó galego.

PUBLICIDADE