Xorde Dalealplay, a competencia española de YouTube
luns, 16 de outubro do 2006
O fenómeno das descargas de vídeo por Internet anda que ferve. En definitiva, non ten freo. Vémolo na Voz: ó servizo máis que recoñecido mundialmente YoutTube sáelle agora competencia tamén en España. Trátase de Dalealplay.com, un portal que foi posto en marcha pola compañía Avernet (responsable de Ozú) exclusivamente para a descarga e subida de vídeos.
Nas primeiras 72 horas de funcionamento da web xa se descargaron uns 125.000 vídeos, éxito de participación importante (depende con que se compare, claro) que fixo que se rebautizara co sobrenome do “YouTube a la española”.
O devandito portal permítelles ós internautas crear o seu propio perfil e gravar, comentar, votar e enviar os vídeos que desexen a través da Rede, operación -por outra banda-, relativamente sinxela, xa que os vídeos están ordenados por categorías para facer máis doada a súa localización e grazas asemade a un sistema de etiquetado que sinala o grao de aceptación entre o público de cada proxección.
