Xornal.com deixa de estar accesible por ter caducado o seu dominio de Internet

xoves, 14 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Aínda que a web se poida consultar dende Xornal.com, o seu dominio .es continúa operativo

Nacho de la Fuente no seu galardoado blog La Huella Digital avisou a pasada noite de que a web de Xornal.com non estaba accesible porque o seu dominio está caducado, e o que parece que sería unha breve incidencia puntual está a continuar durante toda a mañá, aínda que podemos advertir que o servidor da publicación continúa a funcionar axeitadamente, pois os seus contidos aínda se poden consultar se substituímos o sufixo .com da súa web por .es.
Agardamos que esta incidencia sexa breve, e parece que iso non impide que a súa redacción continúe a funcionar, pois están a incorporar novas incluso nestes momentos, podendo consultarse a través da súa sección de titulares do día (aínda que só aparecen reflectidas novas escritas en español).
Este tipo de problemas en páxinas web é algo moito máis habitual do que se pode pensar, especialmente durante períodos festivos, pois os responsables da renovación de dominios de Internet poden atoparse de vacacións de xeito que non atenden os avisos correspondentes sobre a proximidade da data de caducidade dos seus dominios o que pode ter repercusións puntuais, que non son normalmente graves porque unha vez caducado un dominio existe un período de graza duns 2 meses para que sexa posible a súa renovación sen graves consecuencias.

ACTUALIZACIÓN: O dominio caducado vén de ser renovado por 5 anos, así que é de agardar que nas vindeiras horas o funcionamento de Xornal.com volva á normalidade.
Dende Xornal.com xa piden desculpas pola incidencia e culpan do acontecido ao soporte técnico contratado coa operadora R.

PUBLICIDADE