Xosé Rúas e Julia Fontenla (UVigo) crean un manual contra a desinformación para o alumnado de secundaria

xoves, 21 de marzo do 2024 S. P.

O múltiple e variado abano de posibilidades que temos hoxe para acceder á actualidade e aos feitos que a conforman pode ser unha vantaxe ou unha desvantaxe, pois canta máis información, máis aumenta a posibilidade tamén de desinformación, das fake news, dos bulos virtuais, das teorías conspiratorias, do negacionismo (tamén xornalístico). Para combater esta desinformación nas redes xorde unha proposta a xeito de manual de mans dunha investigadora e un investigador da Facultade de Comunicación: Xosé Rúas e Julia Fontenla, que veñen de crear Contra la desinformación: manual de herramientas y recursos didácticos en el aula.
Trátase dun libro dixital de acceso aberto que reúne as achegas de 25 expertos e expertas de ámbitos como a comunicación, a mercadotecnia, a filosofía, a socioloxía, o dereito ou a informática para proporcionar ao profesorado e alumnado de secundaria e bacharelato un conxunto de ferramentas e de recursos didácticos que lles permitan “entender mellor o fenómeno da desinformación e as novas falsas e observalo con perspectiva”, segundo palabras dos responsábeis desta idea.
Cómpre dicir que este proxecto está inserido nas actividades do proxecto DEBATrue, que coordina o grupo de investigación CP2 da facultade pontevedresa, neste manual abórdanse un conxunto de temáticas relacionadas con esta problemática, desde o concepto de posverdade e as teorías da conspiración até o uso da Intelixencia Artificial para a verificación de datos ou a magnitude do negocio da desinformación.
Estamos perante un manual cun “propósito divulgativo, polo que cada capítulo inclúe tamén actividades e recursos para que os profesores poidan traballar este tema na aula”, apunta Rúas, coordinador xunto con Fontenla dun volume no que apostaron tamén por unha linguaxe accesíbel e “un deseño atractivo e moi dinámico”. Publicado pola editorial Fragua, o libro insírese nas actividades en materia de sensibilización que abrangueu o proxecto DEBATrue (Lucha contra la desinformación y los estándares de valor en los debates electorales en TV y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain), coordinado por Rúas e a tamén investigadora do grupo CP2 Ana Belén Fernández Souto e seleccionado na convocatoria estatal de I+D+i para a realización de Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Contra la desinformación conta coas achegas de especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Granada, Sevilla e A Coruña, así como do CSIC. Os seus contidos abranguen desde un percorrido pola “historia da manipulación” a unha análise sobre como esta afecta ás liberdades de expresión e información, pasando por unha reflexión sobre o concepto de “posverdade” e sobre as “circunstancias nas que as emocións e as crenzas persoais inflúen máis na formación de opinións e na toma de decisións que os feitos obxectivos”, nun capítulo asinado polas investigadoras do Instituto de Filosofía do CSIC Astrid Wagner e Teresa Moreno. Analízase tamén o “negocio da desinformación”, da man do investigador da UVigo Andrés Mazaira, quen analiza os principais modelos de empresas de verificación de datos. Outros artigos permiten coñecer os trazos distintivos das teorías da conspiración ou a importancia que ten o control da información nas guerras, grazas á participación do coronel e agregado de Defensa en Seúl, Ángel Gómez.
Para rematar, dicir que o obxectivo deste manual é seguir avanzando no desenvolvemento desta plataforma, seguir enchéndoa de contidos, coa meta tamén de poder pór en marcha unha spin off vinculada a este proxecto.

PUBLICIDADE