Xuventude de Santiago leva aos centros educativos un programa de prevención da adicción ás pantallas
luns, 1 de abril do 2024
A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago puxo en marcha un programa que favorece un uso enriquecedor e saudábel dos novos dispositivos poñendo o foco na prevención de adicción ás pantallas, que se vai desenvolver nos centros educativos de Compostela ao longo deste trimestre.
Na presentación do programa, a concelleira María Rozas explicou que o obxectivo "é responder a unha demanda e unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado". Trátase, incidiu, "de reflexionar sobre o uso que se fai dos dispositivos, de identificar factores de risco, e de favorecer a convivencia en contornas dixitais".
A edil estivo acompañada por Ramón Molina, educador social que dirixe a actividade, e por Manuel Fernández, técnico do departamento de Xuventude.
María Rozas explicou que a actividade "xorde doutros programas que a concellaría vén levando a cabo en centros educativos, nos que se percibiu a necesidade de afondar nas problemáticas relacionadas cos entornos dixitais, que non hai que demonizar porque son parte da realidade dos mozos e mozas, senón utilizar con determinadas pautas para garantir a seguridade e a convivencia".
A acción desenvolverase nos centros educativos de Santiago, co alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO e con contidos específicos adaptados a cada grupo de idade. O obxectivo, dixo María Rozas, “é establecer unha serie de pautas e liñas de actuación de carácter preventivo que favorezan un uso seguro, responsábel e saudábel dos dispositivos dixitais, identificando situacións cotiás que poden estar vencelladas a unha sobreutilización ou un uso problemático das pantallas”. Tamén se pretende “promover unha convivencia respectuosa en contornas dixitais, cada vez máis importantes nas relacións entre a infancia e a nenez, así como propiciar que o propio alumnado reflexione sobre as vantaxes e os inconvenientes asociadas ás tecnoloxías da información e da comunicación, introducindo tamén os primeiros criterios de autocontrol do uso dos dispositivos”.
Pola súa banda, Ramón Molina explicou que "os obradoiros comezarán con conversas diagnósticas, nas que se determinan cales son as situacións de partida de cada grupo e cal é a utilización real que fan dos dispositivos". A partir de aí, os obradoiros estarán adaptados a cada grupo de idade. No caso de 5º e 6º de Primaria, a actividade centrarase máis no uso dos videoxogos e do teléfono móbil, mentres que en 1º e 2º da ESO incidirase especialmente nos problemas de convivencia no espazo dixital, estudando casos prácticos e abordando de maneira específica o ciberacoso e o rol que desempeña cada un dos protagonistas desta problemática.
O traballo desenvolverase en grupos pequenos, para facilitar a reflexión e a participación do alumnado, e achegando sempre situacións prácticas que permiten que os mozos e mozas asuman as aprendizaxes con maior eficacia. Os obradoiros terán unha duración de dúas horas, que serán continuas no caso de Primaria e en dúas sesións no caso do alumnado de Secundaria.