Yahoo! anuncia o peche de GeoCities

venres, 24 de abril do 2009 Marcus Fernández

GeoCities xa non permite a alta de novos usuarios

Nos comezos da popularización da Internet floreceron distintos servizos de hospedaxe de páxinas web de balde (financiados a través de publicidade) coma Angelfire e Tripod, aínda que o que gozaba de máis sona era GeoCities, o que o levou a saír á bolsa e a ser adquirida por Yahoo! en 1999 (en pleno boom das puntocom) por 3.570 millóns de dólares, pero que pouco a pouco foi esmorecendo ata o esquecemento, de aí que agora anuncien o seu peche definitivo, instando aos usuarios que aínda teñan activa unha conta a migrala ao servizo de hospedaxe de Yahoo! (bastante máis avanzado).
Os datos almacenados en GeoCities poderán recuperarse (daranse detalles nos vindeiros meses) e o peche total chegará ao longo do presente ano, aínda que o grande público xa non percibise a existencia do servizo, pois perdera totalmente a súa relevancia coa aparición dos blogs e das plataformas de redes sociais coma Facebook ou MySpace.
A conxuntura económica actual, e a crise na que leva moitos meses sumida Yahoo!, leva á disolución dun servizo que leva unha década en caída libre, e que moitos lembrarán con nostalxia (converténdose en toda unha reliquia dos primeiros días da web), pois puxo os cernes de moito do que hoxe é a web, pero agora servirá de exemplo de que unha adquisición dun produto de éxito non sempre é unha boa operación, especialmente se o deixan funcionar por inercia, e non invisten na súa evolución.