Yahoo! estrea un portal dedicado á Wii

luns, 4 de decembro do 2006 Marcus Fernández

O portal Yahoo! quere entrar no mercado das marcas, e un dos expoñentes máis evidentes deste tipo de estratexia é a creación dun portal dedicado á nova consola de Nintendo, a Wii, recompilando os artigos de Yahoo! Games, a imaxes que os afeccionados comparten en Flickr, o acceso ás compras de Yahoo! Shopping (axudándose de Yahoo Maps para atopar os establecementos máis próximos onde mercar a nova consola), as preguntas e respostas de Yahoo! Answers e ligazóns a artigos referidos en Del.icio.us. Temos así que Yahoo! aproveita os seus múltiples servizos para crear un novo espazo axeitado para un novo produto, que doutro xeito tardaría en achegar tantos contidos.
Segundo a revista Variety, tralo portal da Wii poderían chegar outros dedicados a programas de televisión ou a fenómenos coma o Señor dos Aneis. Sen dúbida, unha nova tendencia que podería marcar o futuro dos grandes portais da Internet, que apostarían pola segmentación dos seus usuarios baseándose en contidos temáticos.

PUBLICIDADE