YouTube Hot Spots: estatísticas en meirande detalle dos vídeos máis vistos

mércores, 22 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A través de Hot Spots podemos ver a evolución da popularidade dun vídeo ao longo do tempo

YouTube segue a gañar en complexidade, nun principio para ben. Segundo vén de anunciar a filial de Google, a partir de agora xa non nos limitaremos a subir e ver vídeos sen afondar no detalle a todas luces importante do seu seguimento: a idea é que nos poñan ao día sobre os pasos dados pola nosa criatura audiovisual logo de que a poñamos a camiñar ou sobre os pasos dados polas de outras/os. En definitiva, do que se trata é de informarnos da popularidade dos vídeos. Esta nova achega, que nun principio só semella afectar aos clips en liña con milleiros de reproducións, permite saber canta xente viu un vídeo procedente dunha conta concreta, amais de comparar a repercusión nos internautas da canle con outras, coñecer a orixe e o sexo dos usuarios, etc.
O sistema, de nome Hot Spots, insírese nunha liña de ferramentas de Google (Insight) que favorece a pescuda dos termos máis buscados e subministra datos estatísticos sobre os visitantes. Polo tanto, do que se trata é de facer o mesmo que veñen facendo os grupos empresariais dende o día en que se puxeron os alicerces do primeiro en xurdir: tirar partido do que sae dunha liña de produción para cubrir un furado de outra.
Ou mellor dito: para que o que ofrece a outra (YouTube) gañe en complexidade, sobre todo se temos en conta que o subministro existente até o de agora de información sobre a cantidade de visitas dos vídeos publicados era rudimentario abondo.
Hot Spots vai alén da exposición destes datos e habilita análises máis exhaustivos sobre a curva interna de seguimento dun vídeo determinado, identificando o seu intre de maior intensidade ou o de caída de audiencia, información que se achega de xeito gráfico con hotspots (alzas) e coldspots (caídas).
Segundo informan os responsables de YouTube, a idea é facer posible que cada usuario aprenda a editar e identificar que contidos e intres son os que máis agradan aos membros da comunidade en liña. Asemade, este obxectivo complétase con outro complementario: motivar aos usuarios para que perfeccionen ao máximo posible as súas técnicas e, en consecuencia, melloren aínda máis o nivel de visitas ao servizo web.

PUBLICIDADE