YouTube podería saltar ós móbiles en 2007

xoves, 2 de novembro do 2006 Marcus Fernández

YouTube To GoO director executivo e co-fundador de YouTube, Chad Hurley, sinalou nunha conferencia que a oferta de servizos de vídeo para móbiles será unha oportunidade chave para a súa compañía afirmando que agardan “facer algo nos dispositivos móbiles”, xa que supoñen un enorme mercado, de xeito que en 2007 poderiamos ter agradables sorpresas.
No mes de maio YouTube xa incorporara YouTube To Go, un servizo que permite ós usuarios de móbiles o envío de vídeos dende os seus propios teléfonos (xa que YouTube acepta os formatos máis habituais de gravación de vídeo dos móbiles).
Nos pasados días xa vimos como un programador independente fixo unha interface que permitía ver vídeos no móbil achegados de Google Video, polo que facer algo semellante con YouTube non debería ser moito máis complexo, especialmente se o realizan dende a propia compañía, polo que a febre do vídeo na Internet podería saltar ó móbil en poucos meses, aínda que haberá que agardar a que as teleoperadoras oferten unhas tarifas de transmisión de datos máis económicas para que ver vídeos da Internet non saia máis caro que mercalos en DVD.

PUBLICIDADE