YouTube quere acoller a gala dos Óscar

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

Nun movemento no que estamos a ver como numerosas retransmisións deportivas e espectáculos en vivo pasan da televisión tradicional a plataformas de vídeo baixo demanda, YouTube está a explorar a posibilidade de converterse na nova sede dos Premios da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas. Segundo información publicada por Bloomberg, a compañía xa iniciou contactos para adquirir os dereitos de emisión da gala, actualmente en mans da cadea ABC, pertencente a Disney, ata polo menos o ano 2028.
A entrada de YouTube na carreira polos Óscar supón unha sorpresa para moitos observadores da industria xa que, ata hai poucos anos, a plataforma era vista como unha ameaza para os estudos de Hollywood, acusada de facilitar a piratería e de desvalorizar os contidos profesionais.
Ademais de YouTube, a Academia tamén está a barrallar ofertas de NBCUniversal, Netflix, Amazon e CBS, todas con capacidade para ofrecer tanto emisións televisivas como servizos de streaming. A decisión final dependerá de múltiples factores, incluíndo o alcance global, a capacidade técnica e, sobre todo, os ingresos que poida xerar a retransmisión.
De confirmarse esta mudanza, os Premios Óscar poderían experimentar unha transformación profunda, adaptándose ás novas formas de consumo audiovisual e conectando cun público máis novo e diverso.