YouTube recupera a opción facer streaming de xogos para móbil

venres, 2 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Hai catro anos YouTube quixo facer fronte a Twitch creando YouTube Gaming, unha pola da plataforma de vídeo orientada aos videoxogos, e que entre as súas características incluíra a posibilidade de realizar retransmisións en directo co contido da pantalla do móbil, ou sexa, que permitía retransmitir partidas de xogos móbiles con facilidade, pero tras botar o peche a YouTube Gaming tal funcionalidade desaparece até agora, xa que as últimas versións da aplicación ordinaria de YouTube xa incorpora a opción de facer directos cos contidos na pantalla do móbil.
Esta funcionalidade resulta moi apreciada por moitos creadores de contidos xa que evita a necesidade de adquirir hardware (ou software) adicional. As retransmisións poden realizarse co dispositivo en vertical ou en horizontal (manterase a orientación que se teña ao comezo da retransmisión), e para funcionar precisa dun dispositivo que como mínimo conte con iOS 10.2 ou Android 6.0, e que a nosa canle de YouTube teña un mínimo dun milleiro de subscritores.

PUBLICIDADE