Zombie Army estrea a súa primeira entrega en realidade virtual

xoves, 12 de xuño do 2025 Marcus Fernández

A saga Zombie Army regresa cunha nova entrega deseñada desde cero para realidade virtual: Zombie Army VR, dispoñible desde hoxe nas plataformas Meta Quest (Quest 2, 3, 3S e Pro) por 27,99 euros, para PlayStation VR2 por 29,99 euros e para PC (Steam VR) por 29,99 euros. Rebellion aposta por unha inmersión total na loita contra as hordas nazis resucitadas, cunha campaña completa, deseño orixinal e un estilo que mantén a esencia gore e pulp que caracteriza a franquía.
A historia sitúase antes dos eventos de Zombie Army 4. Aínda que o Hitler zombi foi derrotado, Europa segue asolada polos mortos viventes. O xogador asume o papel dun Cazamortos, un membro dunha unidade de elite especializada en limpar o continente desa ameaza sobrenatural. Sen necesidade de coñecer os títulos anteriores, Zombie Army VR é tamén un bo punto de entrada para novos xogadores.
Trátase dun xogo completamente novo, non dunha adaptación, cunha campaña dividida en sete misións xogables en solitario ou en modo cooperativo en liña. Tamén está previsto incorporar nas vindeiras semanas un modo Horda con vagas de inimigos crecente.
O armamento, fiel á Segunda Guerra Mundial, vai dende rifles e subfusís ata pistolas e granadas. A interacción e inmersión propias da realidade virtual lévanse ao extremo: é posible empuñar armas coas dúas mans, cambiar cargadores manualmente, lanzar obxectos ou mesmo xestionar tensións nos momentos de maior perigo. A cámara de morte con raios X, un sinal de identidade da saga, tamén se adapta á VR con animacións que non rompen coa experiencia inmersiva.
O xogo aposta pola personalización do Cazamortos e pola progresión baseada en experiencia e melloras de armas. Ademais, inclúe opcións de confort adaptables ao estilo de cada xogador (movemento libre ou por teletransporte, modos sentado ou de pé, recarga automática ou manual).
Zombie Army VR mantén o estilo visual de serie B cargado de sangue, ocultismo e acción desenfreada.

Vídeo promocional de Zombie Army VR