eBay toma medidas contra a especulación ao redor da Super Nintendo Mini

venres, 7 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A Nintendo Classic Mini converteuse en todo un fenómeno por desatar unha febre nostálxica ao redor da marca Nintendo, demostrando que existe unha grande demanda deste tipo de produtos (consolas oficiais con xogos retro nun formato moi coleccionable) polo que unha vez cesada a súa produción e anunciado que terá unha sucesora (unha versión mini da Super Nintendo), desatouse o pánico entre moitos amantes dos videoxogos, con medo de quedar sen unidades dun prezado obxecto que só estaría á venda uns poucos meses e polo que aceptábanse reservas, de xeito que existe o temor de que nunca cheguemos a ver unidades nos estantes das tendas por estar vendidas con antelación.
Esta percepción agravouse pola conduta de numerosos especuladores que procuraron realizar reservas masivas para acaparar unidades da Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System e así poder vendelas cunha marxe de beneficio moi elevada, o que levou a moitas tendas a limitar o número de unidades que podía reservar cada usuario, e agora é eBay quen move ficha, e está a reaccionar activamente contra os vendedores que están a ofrecer un produto que aínda non teñen (xa que simplemente fixeron unha reserva do mesmo) a un prezo abusivo (piden centos de euros por un produto cun prezo de venda recomendado de 79,99 euros).
Esta medida contra a especulación é bastante razoable e non supón un caso excepcional, senón que atende ao coidado de eBay ante o feito de que haxa xente ofrecendo produtos cunha antelación indebida, xa que esta plataforma só permite pór á venda produtos que poidan remitirse aos compradores antes de 30 días, e a Super Nintendo Mini non estará dispoñible até o 29 de setembro, ou sexa, que falta moito para que poida venderse a través de eBay respectando as normas do servizo.

JPEG - 101.4 KB
En eBay están a pór á venda numerosas versións mini da Super Nintendo a prezos esaxerados contando coas dificultades que haberá para facerse con esta consola que pode considerarse de edición limitada

PUBLICIDADE