iRobot, o fabricante dos aspiradores Roomba, pasa a mans chinesas

luns, 15 de decembro do 2025 Redacción

iRobot, histórica compañía estadounidense de robótica de consumo coñecida polos aspiradores Roomba, anunciou un acordo estratéxico que suporá a súa adquisición polo seu principal provedor e acredor garantido, o grupo chinés Picea, a través dun proceso de reestruturación supervisado polos tribunais baixo o capítulo 11 da lexislación concursal dos Estados Unidos.
A operación artéllase mediante un acordo de apoio á reestruturación (Restructuring Support Agreement, RSA) subscrito con Shenzhen PICEA Robotics Co., Ltd. e Santrum Hong Kong Co., Limited, e ten como obxectivo reforzar a base financeira da compañía e asegurar a súa viabilidade a longo prazo. Para executar a transacción, iRobot iniciou de maneira voluntaria un proceso de capítulo 11 preacordado no Distrito de Delaware, que a empresa prevé completar en febreiro de 2026.
Segundo os termos do acordo, Picea pasará a controlar o 100 % do capital de iRobot, o que permitirá reducir de forma significativa o endebedamento da compañía e garantir a continuidade da súa actividade ordinaria. A empresa asegura que poderá manter a súa folla de ruta en desenvolvemento de produto, a súa presenza global e o seu catálogo de robots e dispositivos intelixentes para o fogar.
O conselleiro delegado de iRobot, Gary Cohen, cualificou o anuncio como «un fito clave para asegurar o futuro a longo prazo de iRobot», e sinalou que a operación «reforzará a nosa posición financeira e axudará a ofrecer continuidade aos consumidores, clientes e socios». Cohen destacou tamén que a combinación da capacidade de innovación e deseño orientado ao usuario de iRobot coa experiencia industrial e técnica de Picea permitirá á compañía «dar forma á próxima xeración da robótica para o fogar».
Durante o proceso concursal, iRobot continuará operando con normalidade e non prevé interrupcións nos seus servizos, aplicacións, programas para clientes, relacións coa cadea de subministración nin no soporte dos produtos xa vendidos. A empresa presentou ante o tribunal as solicitudes habituais para garantir a continuidade do negocio, incluído o pagamento regular a empregados, provedores e acredores.
Unha vez aprobada a operación polo xulgado, iRobot converterase nunha empresa privada integramente propiedade de Picea e deixará de cotizar no mercado NASDAQ. A compañía recoñeceu que os actuais accionistas non recibirán participación algunha na empresa resultante da reestruturación, polo que as accións existentes serán canceladas sen dereito a recuperación do investimento, se o plan concursal é confirmado.
Picea é un fabricante global de robots aspiradores con centros de investigación e produción en China e Vietnam, máis de 7.000 empregados e un amplo catálogo de propiedade intelectual. Pola súa banda, iRobot, fundada en 1990, foi pioneira no mercado da robótica doméstica coa introdución do primeiro Roomba en 2002 e vendeu desde entón millóns de unidades en todo o mundo.
A compañía advertiu de que o proceso está suxeito a riscos e incertezas habituais neste tipo de reestruturacións xudiciais, incluída a aprobación definitiva do plan polo tribunal e polos acredores, así como a capacidade de executar con éxito a súa estratexia de futuro unha vez completada a operación.
Esta operación desesperada por parte de iRobot, que desembocará en que a empresa pase a ser chinesa, debería facer reflexionar aos reguladores sobre certas estratexias de defensa da competencia, pois hai un par de anos a Unión Europea bloqueou a compra de iRobot por parte de Amazon, o que agora pode verse como unha decisión pouco atinada, xa que unha suposta defensa dos consumidores provocou que unha empresa estadounidense pasase a mans chinesas.