laSexta emitirá en prime time unha serie documental sobre ciberdelincuencia

luns, 3 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

laSexta estrea o mércores a serie documental La Red, que a través de seis episodios afondará nas ameazas e delitos que se atopan no ámbito dixital e en como son combatidos por unha unidade policial especializada, a Unidade Central de Ciberdelincuencia (UCC).
Tomando como base casos e personaxes reais investigados pola UCC, La Red amosará como se fai fronte a un novo tipo de delincuencia que cada vez cobra maior importancia.
O programa alertará á cidadanía sobre os riscos que pode atopar no mundo dixital, onde se enfronta a todo tipo de delitos como extorsión, pederastia, calotes, roubos, etc.
A través de capítulos cunha duración de 50 minutos, La Red exporá casos concretos de ciberdelitos, a razón dun caso principal e dous secundarios por entrega. As tramas serán introducidas por axentes da UCC que participaron nos procesos de investigación de cada unha delas e servirán como fío condutor, mostrando, ademais, o impacto persoal ou familiar que lles supuxeron.
La Red conta con xornalistas especializados que colaborarán achegando os seus coñecementos e percepcións das investigacións. Tamén conta con testemuños de vítimas afectadas por este tipo de delitos ocorridos no ámbito dixital, expoñendo as súas propias experiencias, os medos que lles xeraron e as razóns polas que se viron obrigadas a denuncialos.
A primeira entrega desta produción de Atresmedia en colaboración con 100 Balas emitirase en laSexta o vindeiro mércores ás 22:30 horas.