A Terra de Melide estrea un trivial para Android

luns, 26 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Xesús Freire amosando ao público o funcionamento do novo trivial para Android

O pasado sábado na capela de San Antón de Melide presentouse o Trivial da Terra de Melide, unha aplicación para smartphones e tablets co sistema operativo Android que é totalmente de balde e recolle 200 preguntas sobre o medio, a cultura e a sociedade, a arte, a historia e os personaxes célebres dos concellos de Melide, Toques e Santiso. Este xogo nace do traballo do Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide, que leva dende 2011 elaborando os contidos desta aplicación que persegue o seu uso didáctico, polo que instarán aos centros educativos da comarca no interior de Galicia a empregar esta aplicación que facilitará o coñecemento do contorno á vez que entretén aos usuarios, que poderán xogar de xeito independente ou en competicións de ata 4 xogadores no mesmo dispositivo.
Os veciños da Terra de Melide tamén atopan un interesante reto neste Trivial móbil, por ver reflectida a realidade dos seus concellos na mesma, convertendo cada partida nunha experiencia na que facer memoria, lembrando lugares, monumentos, persoeiros...
Esta ferramenta naceu en grande medida grazas ao compromiso persoal de Xesús Freire López, presidente do SNL da Terra de Melide, quen esforzouse en colleitar os contidos deste xogo móbil entrevistándose con numerosos veciños e buscando fontes informativas (xornais, libros, boletíns do Museo da Terra de Melide...) que servisen para sintetizar información de interese sobre a comarca melidense. Para o desenvolvemento da aplicación contouse cunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a parte técnica recaeu na empresa guardesa Aplicaciones y Redes, especializada en software libre.

A aplicación móbil presentouse ao público na capela melidense de San Antonio

As limitacións orzamentarias provocaron que a aplicación móbil carecese de alardes gráficos e de modos de xogo en liña, aínda que o seu minimalismo axuda a centrarse no que realmente importa da mesma: os contidos. A mecánica é sinxela, tendo que acertarse unha serie de 10 preguntas variadas para poder pasar a unha quenda final na que teremos unha pregunta de cada categoría (Historia, Arte, Cultura e Sociedade, Personaxes Célebres e Medio), permitíndose ata 5 erros, e rexistrándose a porcentaxe de acertos de cada xogador para animalos a superarse e entrar así nunha relación coas 10 mellores puntuacións que se almacenan no dispositivo con Android que empreguemos).
Durante a presentación desta aplicación Xesús Freire manifestou a intención de ofrecer esta ferramenta a outras comarcas galegas para que conviden aos seus escolares e veciños a mellorar o coñecemento sobre os seus concellos a través dunha adaptación desta aplicación que dun xeito lúdico pon en valor a historia, a arte, a cultura e a sociedade do noso contorno máis próximo.

PUBLICIDADE