A galega Situm, entre o centenar de finalistas do vindeiro South Summit 2017

martes, 8 de agosto do 2017

Entre os días 4 e 8 de outubro celebrarase en La N@ve de Madrid o South Summit 2017, un prestixioso encontro que xuntará, establecendo importantes conexións, a investidores mundiais e empresas en proceso de optimización e modernización cos emprendedores máis innovadores. A cita incluirá entre outras unha Startup Competition a xeito de escolma das mellores historias de éxito. Para este último apartado foron seleccionados cen proxectos para ter espazo propio no evento e amosar o seu compoñente innovador. Entre as 100 startups seleccionadas atópase a firma galega Situm Technologies (amais de Avansig, como sinalamos o pasado 31 de xullo, e Councilbox, tamén representando a nosa vangarda tecnolóxica). Situm mostrará en Madrid a ampla listaxe de posibilidades que abre a súa plataforma de localización e navegación en interiores: unha tecnoloxía de precisión que pasa, en palabras da empresa, por ser unha das máis competitivas do mercado.
Como recordaremos, o seu sistema baséase na obtención de datos precisos dende dúas grandes fontes: por unha banda a información procedente do interior dun dispositivo intelixente (compás, acelerómetro, sensores inerciais) e pola outra os datos xerados pola contorna na que se atopa o aparello e os sinais que recolle (Wi-Fi, Bluetooth, modificacións do campo magnético). Grazas a todo este pormenorizado exame interior e exterior, o dispositivo é quen de funcionar sen a necesidade de realizar ningún tipo de instalación adicional de hardware. Xusto aí, nesta autonomía de seu e nesta independencia con respecto a outras tecnoloxías complementarias, é onde radica boa parte do seu pulo competitivo.
Por certo que na edición de 2015 de South Summit, Situm foi elixida como unha das startup Top 5 na categoría Digital Solutions for Mass Markets.
Este mesmo ano, ademais, a empresa galega foi recoñecida (xunto con Linknovate) polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co Premio Iniciativa Emprendedora.
Máis sobre Situm
Situm Technologies S.L. é unha spin-off do Centro de Tecnoloxía Avanzada da Universidade de Santiago de Compostela (CITIUS), fundada en 2013. Un dos seus principais achados é ter desenvolvido unha tecnoloxía de posicionamento en interiores única tras máis de 7 anos de investigación aplicada en robótica móbil e intelixencia artificial. Os seus fundadores, doutores en Enxeñaría e Robótica, xuntaron forzas para lograr os mellores emprazamento e localización en interiores de alta precisión para smartphones, sen a necesidade de instalar ou investir en hardware adicional.

PUBLICIDADE