EGATEL recibe o premio Ineo polo seu proxecto Smart LNB

martes, 4 de outubro do 2016 Redacción

A empresa galega EGATEL atópase entre as entidades distinguidas polo seu empuxe innovador na pasada edición da Noite Galega das Telecomunicacións (a gran dita dos enxeñeiros e das empresas do sector que chegou o venres pasado á súa edición 21 da man, unha vez máis, do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia). O xurado dos Premios Galicia das Telecomunicacións recoñeceu, máis polo miúdo, a innovación e a excelencia dun terminal satélite interactivo de última xeración desenvolvido por EGATEL. Falamos do terminal Smart LNB, equipado cun conxunto de innovacións tecnolóxicas que permiten aumentar “de maneira considerábel” a eficiencia da canle de retorno. O galardón foille concedido a EGATEL de mans da asociación Ineo. De feito, tratábase do Premio Ineo ao produto máis innovador.
Segundo informa EGATEL, o terminal en cuestión está a revolucionar o mercado das comunicacións por satélite, “abrindo a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada e aplicacións Machine to Machine (M2M) vía satélite a un custo moi inferior ao actual”.
Como lembraremos, a empresa emprazada en Ourense desenvolveu o Smart LNB en colaboración con Eutelsat, que é un operador referente no ámbito dos satélites e dos servizos de radiodifusión e banda larga.
O xurado dos pasados premios valorou como “determinante” a innovadora tecnoloxía implementada no dispositivo Smart LNB?, que “permite explotar de forma eficiente a largura de banda dispoñíbel na canle de retorno cara ao satélite”, o que “redunda nunha drástica redución do custo do servizo para o usuario final”.
Ademais, o xurado tamén salientou moi positivamente “o amplo espectro de servizos” que fornece a devandita tecnoloxía de EGATEL, uns servizos que se estenden ao mercado de consumo pero tamén a múltiples aplicacións profesionais e industriais.
O premio foi recollido por Francisco Javier Valdés, responsábel de Desenvolvemento de Negocio do Departamento de I+D de EGATEL. Ao acto, celebrado no Gran Hotel da Toxa (O Grove, Pontevedra) o pasado venres 30 de setembro, tamén asistiu Javier Taibo, director xeral da compañía ourensá, e culminou coa xa tradicional foto de familia de representantes políticos e do sector industrial TIC galego.

PUBLICIDADE