O vindeiro 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego

luns, 18 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Os organizadores do evento queren conmemorar a nosa ciencia cunha fabricación colectiva de papaventos

A ciencia non só é posible en galego, senón que é necesaria. En parte para afianzar e dar a coñecer o noso papel investigador no mundo, en parte para contribuír a que a lingua deixe de identificarse unicamente con actividades e disciplinas tradicionais. Esta é, con máis ou menos estas palabras, a gran premisa das actividades previstas para o vindeiro 4 de novembro, o Día da Ciencia en Galego, un evento do que xa falamos os días pasados (para dar conta da recollida de léxico tecnolóxico galego e para informar das ecoguías) e que nesta convocatoria 2010 vai dedicado a conmemorar as figuras de Ramón María Aller, James Clerk Maxwell e Afonso X, tres personaxes unidos pola súa vocación investigadora e, tamén, por contar con cráter “propio de seu” na Lúa (malia que o do astrónomo galego Aller foille dado a Atwood en 1990, cousa que para nós os galegos soubemos arranxar denominando Aller-Atwood á dita formación xeolóxica).
A organización do Día da Ciencia en Galego (Pedro Gerpe, Román Cerqueiro, Luísa Segade, Paulino Estévez e Manuel Díaz Regueiro) conta para esta convocatoria 2010 co apoio de ducias de institucións, entre as que se contan as tres universidades do país, o Instituto da Lingua Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, a Mesa, a Deputación de Lugo, o Instituto de Lingua Galega ou ADEGA.
O evento inclúe actividades concretas das institucións adheridas a desenvolver por toda a nosa terra durante estes días e os da Semana da Ciencia e, tamén, unha acción común para tódolos centros galegos a celebrar no devandito Día da Ciencia en Galego: crear papaventos, carteis e exposicións que festexen a presenza da nosa lingua no impulso investigador e tecnolóxico.
Dase a circunstancia de que estas actividades coinciden en boa medida coa Semana da Ciencia, cousa que a organización pretende aproveitar en beneficio de ámbalas dúas celebracións, e máis se temos en conta que unha porcentaxe importante das propostas da Semana da Ciencia tamén recoñece as vantaxes de facer investigación na nosa lingua.

PUBLICIDADE