Redenasa.tv dá pasos firmes para converterse en plataforma de teatro dixital

mércores, 23 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Sala Nasa, logo da súa despedida de Compostela, semella que quere coller azos nun emprazamento máis universal e menos suxeito a presións políticas: a Internet. Esta liña de actividade colle corpo dende hai unha chea de meses en Redenasa.tv, plataforma da que temos falado para dar conta do seu esforzo na vertente audiovisual ou do alicerce achegado a Amores Prohibidos 2.0. Pois ben, a idea é que colla aínda máis corpo para converterse nunha plataforma artística en Internet.
Á vista está para quen queira velo: a nova web de Redenasa.tv é nova en tódolos sensos, tanto en contidos (máis en número e en innovación) como en feitura (redeseño, etc). A parte disto, unha boa parte dos seus servizos e ferramentas semellan ir dispoñéndose, de a pouco pero con paso firme, para facilitar o que ben poderiamos chamar teatro dixital. De feito, os seus responsábeis anuncian que haberá contidos (en boa medida como os do devandito proxecto Amores Prohibidos) creados dende e para a Rede, especificamente. A isto hai que engadir recursos novos de promoción, como unha axenda disposta para fomentar a colaboración ou servizos que impulsan a promoción dos propios artistas. Por se isto non fose pouco, Redenasa.tv vai funcionar un pouco como unha casa ocupada, libre e accesíbel, disposta, para quen queira meterlle unha man de pintura, darlle luz ou abrir un tabique. Segundo se indica en Dioivo reflectindo fontes dos responsábeis da web, trátase dun proxecto deseñado para ser modificado, dinamizado e intervido polos propios usuarios.
Redenasa.tv, engádese, é hoxe en día un dos maiores arquivos do eido audiovisual sobre as artes escénicas dos que temos actualmente abertos e accesíbeis en Internet. A súa principal fonte de contidos é a Sala Nasa e tódalas horas de gravación xeradas ao abeiro dos seus espectáculos. Para este proceso de renovación, o servizo tivo o apoio do Ministerio de Educación e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O obxectivo desta plataforma “é dar cabida aos distintos representantes das artes vivas en Galicia, enriquecer a oferta de contidos galegos en internet e construír novas comunidades que permitan producir colaborativamente novos contidos para xerar narrativas en tempo real”, infórmase no devandito medio dixital galego.

PUBLICIDADE