WhatsApp amplía até 256 o número máximo de participantes nun grupo

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cando WhatsApp creou os grupos de chat limitaba o número de participantes a 15, cantidade que parecía bastante prudente, pero que coa popularización da aplicación foron incrementando paulatinamente, atendendo ás demandas dos usuarios, de xeito que primeiro pasaron a aceptar 50 usuarios por grupo, máis adiante pasaron a 100 e agora vemos como o número de usuarios máximo por grupo pasa a ser 256, o que parece máis que suficiente para conversas entre amigos, pero que incluso poderiamos ver ampliar no futuro, xa que cada vez hai máis grupos nas aplicacións de mensaxería que funcionan como canles informativas, nas que compartir novas ou alertas dun ámbito concreto.
Os grupos son unha funcionalidade que goza de grande aceptación, e que levou tamén a outros axustes na aplicación cliente de WhatsApp, como a posibilidade de poder silencialos temporalmente e configurar as súas notificacións de xeito independente, de xeito que o usuario é libre de atender estas comunicades dun xeito activo ou máis pasivo.
En vista de que WhatsApp eliminou as súas cotas de subscrición anual, non sería de sorprender que permitisen agora a empresas a creación de grupos de WhatsApp que puidesen xestionarse dende equipos informáticos e que carecesen de límite de usuarios, como un valor engadido para o uso de WhatsApp como unha ferramenta de comunicación dende o ámbito corporativo (tanto para coordinar a grupos de traballadores como para achegar información a clientes ou seareiros).

PUBLICIDADE