Como resposta ao fenómeno que espertou ChatGPT dende Google anunciaron precipitadamente Bard, modelo de linguaxe que está aínda moi lonxe do de OpenAI, e aínda que poidamos ter a impresión de que ChatGPT ten unha superioridade titánica, un documento filtrado de Google dá a entender que non só Google ten unha mala posición a nivel competitivo, senón que a propia OpenAI tería unha posición igual de feble, xa que a súa tecnoloxía é extraordinariamente cara e o seu crecemento non é sustentable no estado actual (como teñen recoñecido publicamente), e consideran que as solucións de intelixencia artificial de código aberto poderían superar rapidamente aos grandes sistemas que temos actualmente.
O feito de que estean a conseguir correr grandes modelos de linguaxe en smartphones e ordenadores portátiles, ou que cada vez haxa aplicacións máis especializadas coas que un modelo xenérico non sería capaz de competir por moito tamaño que tivese, fai que os xigantes tecnolóxicos teñan que analizar moi ben os seus vindeiros movementos, xa que estamos ante un mercado cun potencial xigantesco nos que a innovación seguirá a ser a chave para sobrevivir a longo prazo.
O documento filtrado deixa claro que estas tecnoloxías non teñen compoñentes secretas, a xente non está disposta a pagar por modelos restrinxidos cando hai modelos abertos e gratuítos cunha calidade semellante, e que os modelos xigantes non poden manter a súa actual velocidade (tendo máis sentido modelos pequenos especializados).
A estas deducións chegan a través dunha ampla análise de situación na que xogou un rol crucial a filtración de LLaMA, o modelo de linguaxe de Meta, que aínda que foi retirado rapidamente, está a servir de base para infinidade de proxectos en todo o mundo, con solucións que dificilmente pensaría unha única empresa, e servindo de resposta a problemas reais.
Están a xurdir modelos cada vez máis rápidos e máis económicos, que tiran de datos abertos para o seu adestramento, e de manterse este ritmo de desenvolvemento poderase evolucionar a unha velocidade aínda maior da prevista. Iso non quere dicir que OpenAI e Google non teñan nada que dicir, pero resulta evidente que terán que facer moito máis que lanzar versións cada vez máis grandes de GPT e Bard se queren ser referentes.
A IA de código aberto podería ser a principal ameaza para GPT e Bard
Compartir Este Artigo
