28 polígonos industriais da provincia de Pontevedra contarán con acceso á Rede de até 350 Mbps este ano

martes, 27 de febreiro do 2018 Redacción

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a Internet con velocidades de até 350 Mbps a outros 9 polígonos pontevedreses, acadando así un total de 28 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas este ano. Así o anunciaron esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o secretario territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro.
As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 19 polígonos da provincia con servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan, o 95% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a AMTEGA abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50 Mbps e 350 Mbps.
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
O Plan xa completou o despregamento en 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
A AMTEGA subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a AMTEGA puxo en marcha en xaneiro a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
Trátase dunha convocatoria de axudas a operadores, en fase de resolución, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. A convocatoria contempla subvención mínima de 20.000€ para cada un dos proxectos presentados ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).

PUBLICIDADE