3.300 veciños de Boqueixón e Touro acadan cobertura de banda larga

luns, 8 de agosto do 2011 Redacción

O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, posibilitou que máis de 3.300 veciños dos Concellos de Touro e Boqueixón que carecían de cobertura teñan acceso á Internet.
Ao inicio do Plan tan só o 17% dos veciños de Touro podían conectarse á Rede. Grazas ao Plan esta porcentaxe incrementouse ata o 68%, é dicir en 2.114 persoas. No municipio de Boqueixón o Plan posibilitou o acceso a Internet a 1.232 veciños que carecían deste servizo. Este incremento supuxo pasar dunha porcentaxe do 40% de poboación cuberta a un 68% en menos dun ano.
A previsión é que en ambos concellos esta porcentaxe chegue a máis do 90% no 2013 e que se complete ata o 100% ese mesmo ano a través de satélite.