4MHz ultima un videoxogo para NES

venres, 21 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O grupo de desenvolvedores 4MHz, célebre por lanzar na actualidade videoxogos para ordenadores Amstrad CPC como a secuela de Abu Simbel Profanation, sorprende presentando o seu novo traballo, Malasombra, un xogo que sorprende por estar a desenvolverse para a clásica consola NES de Nintendo, e que nos vindeiros días vai buscar financiamento a través de Kickstarter.
Malasombra será un xogo inspirado en moitos clásicos de 8 bits que distribuirán nun cartucho compatible con consolas NES, pero que tamén distribuirán como ROM descargable compatible con emuladores, facendo así que sexa posible gozar do título sen contar cunha vella consola de Nintendo en estado operativo.
O xogo, que contará cunha portada debuxada por Lorena Azpiri (filla do Alfonso Azpiri, creador de moitas das portadas máis coñecidas de videoxogos españois dos anos 80), colocaranos na pel de Pirou, un aspirante a mago que no día do seu casamento ve como o malvado feiticeiro Malasombra secuestra a súa amada (a princesa Astrid) e converte aos convidados á voda en ras. Pirou deberá superar numerosos desafíos mentres recolle as páxinas dun poderoso grimorio que lle permitirá adquirir novas habilidades para poder así destruír a Malasombra, recuperar a súa amada e desfacer todo o mal que o feiticeiro fixo ao reino.
O pequeno equipo de 4MHz leva 5 anos desenvolvendo este ambicioso xogo, o que supuxo todo un desafío dadas as limitacións que presenta a NES, conseguindo un resultado realmente impresionante, que moitos amantes dos xogos retro estarán encantados de adquirir en cartucho para poder conservar nun formato tradicional.

Vídeo de adianto de Malasombra