proxecto smart de Administración Electrónica no que participan de maneira conxunta Santiago e Coruña, amais de Madrid e Zaragoza, vén de rematar o ano cun novo impulso á súa materialización definitiva. Trátase de apertura, por parte da entidade pública estatal Red.es, do procedemento de licitación para o desenvolvemento dos traballos que darán forma á iniciativa, a Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable impulsada por Santiago, Coruña, Madrid e Zaragoza. Este proxecto, como lembraremos, foi un dos beneficiarios da II Convocatoria de Cidades Intelixentes da Axenda Dixital para España, xunto coa proposta de Lugo para converterse en cidade smart. A plataforma de Santiago e Coruña, segundo lembran os dous concellos, suporá un investimento de máis de dous millóns de euros (o 60% da man do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es; e o 40 por cento restante será achegado polas catro administracións locais).
A Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable ten como principal obxectivo a materialización e impulso da administración smart, dixital, transparente e sustentable, nas cidades participantes. Segundo sinala o Concello de Santiago, a primeira liña de actuación do proxecto está relacionada cos datos abertos e prevé a creación e despregamento de infraestrutura tecnolóxica, coa adaptación de bases de datos, procesos de carga e indexación e APIs.
A segunda liña prioritaria será a da participación, e ao seu abeiro inclúense actuacións que atinxen ao deseño de procesos de participación, xeración e implantación de software de xestión de propostas, ou software de votación. Por último, a plataforma inclúe un bloque orientado á transparencia, no que se prevé a creación de portais de transparencia enlazados con datos abertos.
A Plataforma xorde directamente do convenio feito polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o coordinador xeral de Alcaldía do Concello de Madrid, Luís Cueto; a segunda tenente de alcalde do Concello de Zaragoza, Elena Giner; a concelleira de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña, Claudia Delso e o director xeral de Red.es, José Manuel Leceta.

