A Deputación de Ourense vai organizar este 9 de xuño no Centro Cultural Marcos Valcárcel uns encontros destinados en boa medida a abrir camiño en materia de Administración Electrónica: albiscar o que se pode facer, e que non, no camiño de acadar institucións provinciais e locais máis próximas ao cidadán, máis eficientes, máis sustentables, máis seguras en relación aos datos e, sobre todo, máis operativas os 365 días do ano. Este é o alicerce da sexta Xornada sobre as deputacións do futuro. O evento foi presentado onte polo presidente do Goberno ourensán, Manuel Baltar, quen sinalou que a xornada acompáñase do seguinte epígrafe: Transparencia e protección de datos no ámbito local.
A xornada, que co-organizan a Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, contará con relatorios sobre Dereito de acceso á información pública, A publicidade activa nos entes locais, O compromiso de Galicia coa transparencia e O difícil equilibro entre transparencia na información e protección de datos, a cargo de diversos especialistas en dereito administrativo e transparencia e bo goberno, como Marcos Almeida, Agustí Cerrillo e Enrique Orduña, e a Valedora do Pobo, Milagros Otero. A xornada será inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Ramón Camp.
Baltar salientou que esta xornada “sitúa a Ourense como referente en materia de transparencia no ámbito local e da participación cidadá”, ámbitos que, por certo, valéronlle á Deputación recoñecementos como por exemplo a que se lle vai conceder no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de mans do noso colectivo de Enxeñaría en Informática (CPEIG). Ao fío de todo isto, o presidente provincial fixo saber que a Deputación de Ourense “será a primeira de Europa en implantar o sistema de Auditoría Social da Transparencia”, un método que permitirá avaliar este parámetro da información visible e accesible, integramente, na xestión en tempo real. A Auditoría, explicou, é unha ferramenta innovadora desenvolvida por Dyntra que capacitará a persoal experto para coñecer o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, engadiu, “permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España”.
Baltar, acerca do carácter pioneiro do proxecto, fixo saber que a día de hoxe unicamente dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, apostaron de cheo por este sistema e puxérono en marcha. Un sistema, engadiu, “que consolida o concepto de auditoría social e transparencia”, explica Manuel Baltar.
A Deputación de Ourense organiza unha xornada para avanzar en transparencia e protección de datos
Compartir Este Artigo

