Esta semana o alumnado de 4º de Secundaria do IES de Brión recibiu os premios da terceira Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, celebrada o pasado mes de maio e na que participaron máis de 800 rapaces e rapazas, acadando os estudantes de Brión tres dos catro primeiros galardóns da categoría adicada a mozas e mozos de estudos medios, a categoría Wall-E (na que houbo 82 competidores de todo o ámbito galego).
Segundo lembran fontes do IES, o equipo Brión 4, composto por Carla Villar, Ainoa Pérez, Paula Muelas e Verónica Godoy, alzouse co primeiro premio da devandita modalidade. Os equipos Brión 3 e Brión 5 acadaron uns meritorios segundo e cuarto postos nunha disputada final. Os rapaces e rapazas, acompañados polos seus mestres Luz Ramos, Xabier Lorenzo e Ana Santos, recibiron cadansúa cámara dixital de man de Víctor Quinteiro, mestre da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
O instituto brionés participou con cinco equipos, tres de 4º da ESO e dous de Bacharelato. Catro destes equipos conseguiron clasificarse para a fase final logo de que os seus robots superaran un “exercicio de rastrexo”, que consistiu en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas nun tapiz. Despois, enfrontáronse a unha segunda proba, a do “varredor”, onde os robots debían moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dous envases de refresco, para trasladalos fóra do circuíto no menor tempo posible.
Os rapaces e rapazas do IES de Brión xa amosaron a súa intención de participar na próxima edición da competición. Para a vindeira cita, co fin de ir collendo impulso, xa propuxeron algunhas melloras, como por exemplo un contador por láser que permita con máis exactitude os tempos das probas, algo que se ofreceron a construír eles mesmos como proxecto para o próximo curso.
A UVigo entrega os galardóns de robótica ao alumnado de Brión
Compartir Este Artigo

