A 4ª edición do Galicia Sportech Congress celébrase en abril con máis de 50 relatores de primeiro nivel

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

Os vindeiros 8, 9 e 10 de abril volve a Pontevedra o Galicia Sportech Congress, un evento que pon o foco na confluencia entre deporte, transformación dixital e innovación, e que conecta a industria sportech do noroeste de España. Participarán máis de 50 relatores de primeiro nivel. Celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra.
Trátase da cuarta edición dun congreso que en palabras da organización constitúe “unha oportunidade única para dar a coñecer as tendencias neste sector deportivo e adquirir coñecemento, contactos e solucións tanto para organizacións, emprendedores e o público xeneral”.
O congreso vén da man de Diesemm, HubIN e o Concello de Pontevedra, que sinalan que o obxectivo é “dar unha visión xeral sobre a transformación que sofre a industria do deporte, en todas as súas facetas: management, performance e fan engagement.
Entre os días 8, 9 e 10 de abril sucederanse mesas redondas, obradoiros, mostras, exposicións e presentacións na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo), “onde viviremos tres intensas e apaixonantes xornadas, a primeira delas integramente en liña, e as dous seguintes poderanse seguir tanto de forma presencial, como vía streaming”, engaden as entidades organizadoras.
Os días 9 e 10 o congreso desenvolverase en diferentes espazos de forma simultánea como unha sala onde se impartirán clases maxistrais, mesas redondas e conferencias da man de pioneiros e persoas influentes, así como overviews de innovación.
Noutro espazo atoparémonos cun showroom ou centro demostrador, con clinics e sesións prácticas onde se vai dar conta das distintas tecnoloxías aplicadas ao deporte, onde o asistente terá a posibilidade de probar de primeira man estas ferramentas durante todo o evento. Tamén haberá unha zona de networking, onde poder establecer contacto co resto de asistentes e membros da industria dunha forma distendida.
Este ano contarase coa novidade das visitas ao ecosistema, onde se trasladará o congreso para “comprender os casos de éxito de Balaídos, Afouteza (en Vigo) e o Centro de Alto Rendemento de Pontevedra, para dar a coñecer as mellores prácticas nas propias infraestruturas deportivas”.
Eses mesmos días, celebrarase outro dos pratos fortes do Galicia Sportech Congress, a Sportech Competition. “Trátase dunha das actividades con máis impacto e que convoca máis
asistentes”, sinalan dende a organización, engadindo que “este ano achégase a novidade dun meirande número de compañías da industria sportech, pasando das 5 doutros anos, ás 10 deste 2024, as cales terán a posibilidade de presentarse e competir inmersos na contorna do Galicia Sportech Congress, ante todo o ecosistema do deporte”.