Volve ao Campus de Ferrol, por terceiro ano, a Xornada Power UP de Videoxogos
luns, 6 de maio do 2024
A Capela do Centro Cultural Torrente Ballester vai dar acollida por terceiro ano á Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos que organiza o Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), a través do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, e en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Ferrol. Será o vindeiro venres 10 de maio, a partides das 9:30 horas.
O acto de apertura das xornadas celebrarase ás 9:45 horas da man do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, do concelleiro de Xuventude, Festas, Novas Tecnoloxías e Marca Ferrol, Arán López; e do director do Campus Industrial de Universidade da Coruña, Marcos Míguez. No peche, previsto para as 18:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, intervirán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Vicente Díaz, e a coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro.
A primeira intervención da xornada, fixada para as 10:00 horas, virá da man da socia fundadora da empresa de desenvolvemento de videoxogos especializada en conectar aprendizaxe e xogos Divertifica, Belén Gómez, quen falará sobre como os videoxogos poden mellorar o mundo. De seguido, ás 10:45 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre Realidade Virtual (RV) na que participarán o director creativo de Maxina, Carlos Seijo, a especialista en Produción e Mercadotecnia de Proxectos de Realidade Virtual e integrante do equipo de Odders Lab, Verónica Rodríguez; e o artista técnico Félix Menéndez. Moderará a mesa a xefa de Niveis en Merge Games, Cristina G. Aradas. Por último, ás 12:45 horas, intervirá o director narrativo de Tequila Works, Michael Santorum.
Xa pola tarde, a partires das 16:30 horas, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá a presentación dos proxectos levados a cabo polo alumnado do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos ao longo dos dous últimos anos. Entre o público asistente haberá numerosos expertos e profesionais da industria dos videoxogos de distintos puntos de España.
O estudio independente Nameless presentará What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e quebracabezas ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste proxecto están os alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Lara Fernández Romero, Manuel Fernández Veiga, Natalia Froiz Míguez, Miguel González Obenza, Paula Martínez Taboada, Teresa Pecker Gayarre, Albert Ramírez Rivero e Alberto Tajuelo Real.
Pola súa banda, o estudio independente Piña Colada presentará Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha ra de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais, rematan na Bóveda da Apocalipse, onde deberán colaborar para sobrevivir. Integran o equipo de traballo os tamén estudantes do Campus Industrial de Ferrol Laura Bey Senra, Andrea Fernández Mariño, Álvaro Hayek Alfonso, Sofía Pelegrín Mellado, Paula Portal Ruíz, Anllelo A. Reina Montañez, Viviana Rodríguez Domínguez e Eduard A. Sánchez Maya.
Esta non é a primeira vez que o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) presenta en público os seus proxectos. O pasado mes de xaneiro amosaron as demos dos seus videoxogos no stand que a Universidade da Coruña tivo na III Xornada de Innovación e Movemento Maker (InnovAmes) organizada polo Concello de Ames xunto coa Maiker Faire Galicia. A maiores, os días 24, 25 e 26 de maio, participarán na Feira Expotaku da Coruña.