A AXEGA e o CITIC traballan nun proxecto para mellorar con IA a predición e a resposta ante grandes emerxencias
mércores, 13 de decembro do 2023
A
cidade portuguesa de Porto acolleu este mércores 13 de decembro a
presentación do proxecto ATEMPO, centrado en aplicar as vantaxes da
Intelixencia Artificial e outras innovacións tecnolóxicas nas
grandes emerxencias transfronteirizas. Enmarcado no POCTEP 2021-2027
de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, está impulsado por
diferentes institucións públicas e centros de investigación de
Galicia, Portugal e Castela e León, incluído
o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC),
referente galego e estatal en intelixencias artificiais e usos
prácticos e útiles das mesmas.
Desde
a Comunidade galega, é a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a
encargada de marcar as grandes liñas de actuación; e o CITIC da
UDC, baixo a coordinación do seu director Manuel G. Penedo, asume o
desenvolvemento tecnolóxico baseado en IA deste proxecto, no que
participan tamén investigadores do Campus Industrial de Ferrol.
Tras
unha reunión do comité de xestión e coordinación do proxecto, o
acto de presentación de ATEMPO tivo lugar este mércores 13 na
cidade portuguesa de Porto e contou coa presenza de diferentes
autoridades luso-españolas, entre as que destacaron o vicepresidente
da CCDRN, Beraldino Pedrés; e o xerente da axencia galega AXEGA,
Marcos Araújo.
A
investigadora do CITIC Amparo Alonso impartiu, no transcurso do
evento, unha conferencia sobre As posibilidades da
aplicación da IA nas emerxencias. Na súa intervención, Alonso
destacou o papel da IA como ferramenta para facer fronte a situacións
de emerxencia, sendo “imprescindíbel para ser capaces de
anticiparnos ás mesmas, planificar e xestionar os recursos á hora
de facer fronte ás emerxencias ou realizar simulacións”. Tamén
destacou a importancia da cooperación transfronteiriza ante a
necesidade de actuar de forma conxunta neste tipo destas situacións.
Ademais, falou sobre as posibilidades que ofrece a IA para o
coñecemento de campo, para a coordinación e comunicación
interadministrativa e para suplir as necesidades loxísticas.
Pola
súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e
Transferencia da UDC, Salvador Naya, agradeceu que contasen coa
Universidade para este proxecto e recalcou a importancia da
cooperación entre estes territorios (Galicia e Norte de Portugal,
así como Castela e León).
- A investigadora do CITIC Amparo Alonso nun intre da presentación en Porto
Resposta
anticipada, racional e intelixente
Segundo
engadiron, “trátase dun ambicioso programa colaborativo de
tratamento e xestión de emerxencias, que busca, grazas á actuación
conxunta de administracións e centros de investigación, mellorar a
resposta a grandes desastres naturais, como incendios ou
asolagamentos como principais consecuencias do cambio climático”.
O
labor do CITIC no proxecto ATEMPO centrarase no desenvolvemento de
sistemas de predición de accidentes mediante técnicas de
aprendizaxe profunda (deep learning) a partir das bases de
datos dos diferentes socios e doutras fontes como os servizos de
meteoroloxía, a actividade económica de polígonos, fontes
demográficas ou ordenación do territorio.
Inclúe
ademais o desenvolvemento de algoritmos de análises de datos
baseados en IA, en concreto ferramentas de predición na xestión de
emerxencias e modelos avanzados de anticipación que poidan
contribuír á toma de decisións e á correspondente dotación de
recursos a través de sistemas de recomendación de dimensionado.
Estas
tarefas serán desenvolvidas por equipos de persoal investigador
liderados polos membros do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández
Pereira.
Para
o director do CITIC, Manuel G. Penedo, este programa supón “un
importante avance para demostrar a capacidade do noso centro na
transferencia de coñecemento ás necesidades reais da sociedade” e
por iso “estamos moi satisfeitos por poder achegar a nosa
experiencia en IA a este proxecto e colaborar estreitamente coa AXEGA
da Xunta de Galicia e outros socios como a Junta de Castilla y León,
o CIM Alto Minho, CCDR Norte, a Guarda Nacional Republicana ou o
Instituto Nacional de Emêrgencia Medica, entre outros”.
E
engadiu: “Significa tamén profundar na cooperación coa AXEGA, que
mantemos desde o pasado 2021, ano no que iniciamos reunións para
valorar o papel das TIC no tratamento intelixente e a xestión de
emerxencias a partir, nese momento, dos sinais de voz e análise de
noticias falsas. O reto de estender esta colaboración
transfronteiriza con outros socios de alto nivel é unha mostra máis
da confianza institucional na nosa capacidade competitiva”,
concluíu.