A Aula TIC PEME organiza un novo obradoiro virtual sobre xestión de clientes con software libre

venres, 26 de maio do 2017 Redacción

A Aula TIC PEMES (ATP) da Universidade de Santiago organiza unha nova edición do seu obradoiro virtual sobre xestión de relacións con clientes (CRM) baseado na ferramenta de software libre vTigerCRM. Este programa formativo, dirixido fundamentalmente a autónomos e pequenas e medianas empresas (PEME), está aberto á participación de maiores de 16 anos e desenvolverase desde o 2 de xuño ata o 12 de xullo. A acción formativa, que se artella en 50 horas, desenvolverase en liña e cunha “marcada orientación práctica”, informan os organizadores, que engaden que as persoas interesadas en participar neste obradoiro virtual poden formalizar a súa inscrición até o 2 de xuño a través da web, cumprimentando un formulario de matrícula específico.
O prezo xeral de inscrición é de 60 euros. Porén, sinala a Aula TIC, as persoas que garden algún tipo de vencellos coa USC poderán beneficiarse dun desconto do 50% nas taxas de matrícula. Asemade, a organización desta actividade formativa tamén contempla descontos de seis euros nas matrículas de grupo de cinco ou máis persoas. Unha vez rematado o período formativo, as persoas inscritas recibirán un certificado acreditativo emitido pola Aula TIC PEMES da USC.

PUBLICIDADE