A CEO lanza un wiki para dinamizar o fluxo de datos arredor da seguridade no traballo

venres, 2 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar de loita contra os riscos laborais e uso de novas tecnoloxías, logo de darmos conta da aplicación para iPad, baseada neste temática, posta en marcha por Redegal e os empresarios de San Cibrao das Viñas. Pois ben, agora é a quenda de Wiki Preventiva, un novo espazo na Rede ao que chegamos a través do boletín informativo da Asociación de Empresarios do concello ourensán, dispoñíbel en pdf, e que consiste nun centro de formación 2.0 sobre metodoloxías e regulamentos para minimizar os riscos nas nosas empresas. Este acubillo de información e asesoramento vén da man da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e está, cousa de agradecer, redactado ao cen por cen en galego.
O obxectivo de Wiki Preventiva, máis polo miúdo, é xuntar nunha mesma plataforma o meirande número de contidos posíbeis ligados ao eido da prevención. Asemade, e tendo en conta na súa natureza 2.0, o espazo ábrese á participación directa dos internautas, que poderán interactuar coa Wiki Preventiva nos dous sentidos: recadando información sobre a materia e achegándoa, co fin de enriquecer ao máximo a utilidade da ferramenta. “Nela”, engade a CEO, “convivirán a información técnica coas experiencias achegadas polos propios usuarios, de tal forma que o contido sexa o máis completo e actual posible”. O proxecto vai dirixido sobre todo a empresarios, traballadores e sociedade en xeral, e conta co apoio da Consellería de Traballo e Benestar, dentro das axudas que se dirixen a fortalecer accións de prevención de riscos laborais.

PUBLICIDADE