A CMT permítelle a Telefónica rebaixar a súa cota de abono

martes, 10 de marzo do 2009 Raquel Noya

Evolución da cota de abono de liña de Telefónica segundo a CMT</A>

A multinacional Telefónica, que últimamente vén dando moito que falar polo seu recente anuncio de cambiar o nome comercial da súa marca de telefonía fixa, volve a estar en boca de todos ao facerse público o consentimento da Comisión de Mercado das Telecomunicacións (CMT) para que a operadora poida rebaixar de maneira temporal a súa cota de abono.
Esta, que actualmente rolda os 13,97 euros (sen I.V.E.) por mantemento da liña, era unha cantidade que ata o de agora lle fixaba a CMT anualmente, e que non podía variar nin á alza nin á baixa, pero que Telefónica poderá rebaixar temporalmente en todo o territorio nacional para poder facerlle fronte ás ofertas dos seus competidores, que si poden fixar tódalas súas tarifas (incluíndo a cota) libremente.
Asemade, a CMT decidiu liberalizar completamente a cota de conexión dos clientes de Telefónica, máis, ao igual que sucede coa cota de abono, a rebaixa non poderá aplicarse por zonas xeográficas, senón que deberá ser a mesma para todo o territorio nacional.
Nembargantes, para evitar prezos excesivos na cota de abono, a CMT continuará fixando un prezo máximo para as tarifas, que non poderá exceder en ningún caso o Índice de Prezos ao Consumo (IPC).