A CMT sanciona a Telefónica por reter clientes irregularmente
luns, 20 de agosto do 2007
A Comisión
do Mercado das Telecomunicacións, ante a denuncia de Vodafone e Orange, multou
a Telefónica por un total de 350.000 euros por pór atrancos na migración
dos seus clientes á competencia no Nadal de 2005 e comezos de 2006, no que o
ente regulador considera que se tratou dunha actuación sen transparencia e de
mala fe que prexudicou ós seus rivais e transgrediu as normas.
A CMT considera así que Telefónica é culpable dunha infracción moi grave, pero
a sanción non foi moi elevada xa que a operadora contaba con distintos
atenuantes (o dano causado e os beneficios obtidos dos feitos foron moi
limitados).
O principal argumento de Telefónica para pechar a migración de clientes sen
avisar ós seus rivais os días 29 e 30 de decembro de 2005 e o luns 2 de xaneiro
de 2006 correspondería a unha medida preventiva para evitar problemas ante a
previsión dun elevado volume de peticións que puidera colapsar o sistema, o que
non recoñeceu a CMT (que considerou que os problemas eran subsanables)
asegurando que a medida foi “unilateral e
sen causa xustificada” e asegurando que reter ós clientes durante os últimos
días do ano supón uns ingresos significativos, xa que nas datas de Nadal é
cando máis uso se fai de chamadas telefónicas e envío de SMS de todo o ano.
