A CNMC pide normas para protexer aos usuarios ante os abusos dos números 118

luns, 16 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Gráfico que reflicte a caída dos números 118 nos últimos anos

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) publicou un informe sobre o mercado de servizos de información telefónica a través dos número 118AB no que se analizan os problemas que presenta esta numeración, de aí que propoñan ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital varios cambios normativos para mellorar a protección dos usuarios.
Os números de 5 díxitos que comezan por 118, os chamados de información telefónica sobre números de abonado, son os que se entregan para coñecer o número de teléfono doutro abonado, dun restaurante, dunha tenda... sendo posible a transferencia de chamadas dende estes números, o que ten un prezo que non está regulado e varía segundo o operador. Amais, nos últimos anos a CNMC resolveu un total de 16 expedientes sancionadores contra operadores de números 118 polo seu mal uso, con prácticas tan graves como chegar a ofrecer servizos de tarot directamente a través desa numeración, desviar chamadas sen consentimento do usuario, captar chamadas con técnicas enganosas (publicidade mediante mensaxes de texto ou anuncios na web), prolongaban a súa duración ou desviaban o tráfico telefónico a empresas xestionadas por eles mesmos.
Así, a CNMC asegura que unha chamada a un número 118 cun tempo medio efectivo dun minuto ten un prezo de entre 1,88 e 11,92 euros, cunha media de 5,56 euros, o que claramente é un abuso, de aí que recomenden medidas para protexer aos usuarios.
Dende a Comisión tamén lembran que nos últimos anos caeu de xeito importante tanto o volume de números 118 asignados (un 27% en 6 anos), como o seu tráfico (caeron un 87% os minutos en 8 anos) e os seus ingresos (un 79% en 8 anos).